Universidad de Vigo (logo)

Resolución do concurso de fotografía "Historia dunha ollada: Vigo e a súa Escola"

22/Apr/2021

O xurado fai pública a resolución do concurso de fotografía Historia dunha ollada: Vigo e a súa Escola, que contou cunha elevada participación de máis de 60 propostas, e anuncia os seguintes premios:

Categoría A “Unha imaxe”

  • 1º premio para “Presencial y virtual” de Diego Pérez Casal, fotografía en branco e negro que condensa nunha imaxe o percorrido histórico da Escola co presente máis inmediato ao fundir a presenza emblemática do edificio coa súa representación nun teléfono móbil en primeiro plano. O xogo de superposición, tamaño e enfoque (nidio e máis difuminado) resolve dun xeito metafórico a pegada do pasado co contexto de rabiosa actualidade cando a pandemia nos obrigou a incrementar o uso da tecnoloxía como solución á crise. Este xogo de espellos concorda ademáis maxistralmente co lema elixido.
  • 2º premio para “A luz de Mercurio” de Carmen Rodríguez Jorge, fotografía en branco e negro, polo valor conceptual e simbólico do deus do Comercio e a forza da imaxe, ademáis das súa calidade fotográfica tanto no enfoque coma no xogo de luz e contraste e a interesante perspectiva.
  • Accésit para “Autopista hacia el éxito” de Martín Torres Besada, imaxe que amosa gran destreza fotográfica polo uso dos recursos dos angulares e a posprodución. Presenta unha perspectiva vertical da torre da Escola cun claro punto de fuga cheo de dinamismo e velocidade tal e como corresponde a unha autoestrada, suxerindo incluso o camiño de engalaxe dunha aeronave.

 

Categoría B “Un relato”

  • 1º premio para “Cinco veintenas” de Juan Fernández Calleja, un mosaico de cinco imaxes da Escola e desde a Escola pola súa destreza fotográfica ao incorporar distintas perspectivas e xogar coa luz en varios momentos do día ademáis de mesturar o edificio e a súa contorna dun xeito dinámico e equilibrado.
  • 2º premio para “Mans que crean Escola” de Carmen Rodríguez Jorge, pola forza construtiva da serie e a mirada que vai máis aló do literal, do material, e pon o foco no colectivo que traballa a cotío e coas súas mans constrúe a Escola, polo recoñecemento á súa tarefa indispensable para a traxectoria de cen anos e pola emotividade do concepto.
  • Accésit para “Detrás das palabras” de Rebeca López Villar, unha liña temporal en branco e negro que parte do textual e numérico nunha primeira imaxe superposta con materiais transparentes na que destacan as datas do centenario e que continúa coa imaxe da Escola en dous tempos: primeiro desenfocada e logo máis definida, subliñando así un percorrido de consolidación e madurez.

A entrega de premios realizarase proximamente coincidindo coa inauguración da exposición de tódalas fotografías presentadas ao concurso.