Universidad de Vigo (logo)

Revista Decisión

A revista DECISIÓN publica traballos inéditos de investigación relativos ao campo empresarial, comercial etc. Publicaranse en galego ou en calquera das seguintes linguas: castelán, inglés, francés, portugués ou alemán. Os artigos deberán conter os seguintes datos na primeira páxina:

  • Título do artigo.
  • Nomes e Apelidos.
  • Profesión, Institución, etc. do autor/a ou autores/as.
  • Resumo do artigo (15 liñas como máximo, interlineado sinxelo).

Ademais, nunha folla á parte figurará o enderezo postal, teléfono, fax e enderezo electrónico, así como unha nota bibliográfica, que non exceda de cinco liñas, do autor/a ou autores/as.

Características do Artigo

O texto deberá estar escrito en calquera procesador de textos dos comunmente utilizados (Word, Open Office, LibreOffice etc.).

Os textos non levarán en ningún caso tabulacións, sangrados, viñetas ou calquera elemento gráfico para adornalos. Poderán levar letra grosa, cursiva ou comiñas, co fin de resaltar conceptos, aínda que se desaconsella o uso de subliñados.

Solicítaselles aos autores/as que extraian entre catro e seis frases (dependendo da extensión do texto) consideradas importantes, relevantes ou de interese co fin de resaltalas separadamente ao longo do texto. Estas frases poderán indicarse ao final do artigo baixo a epígrafe «Para resaltar».

Especificacións

Estas son as especificacións que deben cumprir os artigos que se desexen publicar na revista DECISIÓN:

  • Extensión Máxima: 15 páxinas.
  • Tipo de letra: Arial ou Times New Roman.
  • Tamaño do papel: A5 (15 x 21 cm).
  • Tamaño corpo de letra: 11 CPI (non imprescindible).
  • Espazamento entre liñas: sinxelo.
  • Marxe superior: 2 cm.
  • Marxe dereita: 2 cm.
  • Marxe esquerda: 3 cm.
  • Marxe inferior: 1,5 cm.
  • Notas: ao final do texto, logo da bibliografía.
  • Numeración das notas: numeradas consecutivamente en caracteres arábigos (1,2,3... ).
  • Tipo e corpo de letra das notas: Arial ou Times (9 CPI).

As referencias citaranse incluíndo o apelido do autor/a seguido da data de publicación, así como as páxinas que se citen. As referencias de obras dun autor/a aparecidas no mesmo ano diferenciaranse polo indicador a, b, c... Por exemplo: Fernández (1999a, pp. 30-39). As referencias bibliográficas completas aparecerán ao final do orixinal, baixo a epígrafe «Bibliografía» da seguinte forma:

– Libros: Ackoff, R. L. (1972): Un concepto de planeación de empresa, Limusa, México.

– Contribucións a obras colectivas: Jordán Galduf e Sanchis Marco, M. (1997): «Os mercados de factores produtivos», en Jordán Galduf, J. M. (coord.) (1997): Economía da Unión Europea. ed. Civitas Madrid. Cap. 6.

– Revistas: Tobin, J. (1986): «O paro nos anos oitenta», Papeis de Economía Española. Núm. 12, pp. 353-368.

Procedemento Formal de Recepción de Artigos

O artigo enviarase por correo electrónico e achegaranse catro copias en soporte papel. Cando o comité de redacción reciba o artigo, comunicaráselle ao autor/a o prazo de resposta da primeira lectura e a súa aceptación.

Os artigos someteranse «de forma anónima» a unha revisión crítica realizada por dous expertos na materia obxecto do artigo. Para publicalos cómpre que ambos os informes sexan favorables. No caso de que os informes aconsellen algunha modificación, comunicaráselle ao autor/a.

Algúns dos criterios considerados para informar a revisión crítica son:

  • O interese e a novidade do artigo.
  • A validez científica da evidencia en que se basean as conclusións.
  • A utilidade no campo empresarial.