Universidad de Vigo (logo)

Dobres titulacións ofrecidas pola Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo

Os Graos de Dobre Titulación ofrécenlles unha formación internacional ás alumnas e alumnos da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, que lles permiten ampliar as súas oportunidades laborais tanto en España coma no resto do mundo.

Esta modalidade de estudos permítelle ao estudantado do noso centro obter dous títulos universitarios durante os catros anos de duración dos estudos do Grao en Comercio.

Para optar a estas modalidades non será necesario máis que cumprir cuns requisitos académicos previos, acordados entre as universidades participantes, e cursar un dos catro anos que integran o grao na Universidade de destino coa cal se queira obter a dobre titulación. A Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, así como a Universidade de Bochum (Alemaña) e a Universidade de Pau et deas Pays de l´Adour (Francia) coas que se teñen convenios de dobre titulación, pretendemos, coa promoción destes convenios, a xeración de valores engadidos formativos, así como de vantaxes competitivas profesionais para o estudantado universitario ao internacionalizar a súa educación.

Dobre grao coa Universidade de Bochum: International Business and Management

O estudantado interesado en obter o dobre grao Comercio-International Business and Management deberá acreditar un coñecemento amplo da lingua alemá e superar todas a materias de primeiro, segundo e terceiro curso do Grao en Comercio. O cuarto ano realizarase na Hochschule Bochum, ao amparo dos programas de mobilidade europeos, onde cursarán o resto das materias acordadas no programa de dobre titulación. Ao finalizar o devandito curso os e as estudantes poderán solicitar ambas as titulacións.

Dobre grao coa Universidade de Pau et deas Pays de l´Adour

O alumnado do Grao en Comercio interesado en obter a Licence en Economie et Gestion deberá acreditar un nivel elevado da lingua francesa e superar todas as materias de primeiro e segundo curso. Dentro do marco dos programas de mobilidade europeos, estudarase o terceiro curso na Facultade de Dereito, Economía e Xestión da Université de Pau Et des Pays de L’Adour. Unha vez superados os requisitos do cuarto ano do Grao en Comercio os alumnos e alumnas do dobre grao poderán solicitar os seus correspondentes títulos.