Universidad de Vigo (logo)

Dobres Titulacións

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais (EUEE) da Universidade de Vigo tamén foi pioneira dentro da universidade española coa sinatura no ano 2000 dun convenio de colaboración con Hochschule Bochum (Bochum, Alemaña), que permite a obtención dos títulos oficiais da escola asociada. Así mesmo, asinouse recentemente outro convenio de dobre titulación coa Universidade de Pau et deas Pays de l’ Adour (Pau, Francia). En ambos os casos, para acollerse ao programa o alumnado debe acreditar o nivel requirido de lingua alemá ou francesa, ademais de cumprir o resto dos requisitos establecidos para cada centro.

Intercambios entre a Escola Universitaria de Estudos Empresariais (E.U.E.E.) e Outras Universidades

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais (E.U.E.E.) é pioneira na realización de intercambios e na formalización de convenios de recoñecemento de estudos con universidades estranxeiras. A énfase pola aprendizaxe de idiomas, marca de identidade do centro, e a concepción do intercambio como elemento esencial da formación técnica e actitudinal do estudantado leváronnos a potenciar esta actividade.

O estudantado que desexe participar nos programas de intercambio pode descargar a "Guía do Proceso de Intercambio" .

Dentro dos intercambios destacamos os de mobilidade nacional e os de mobilidade internacional.

Intercambios entre a E.U.E.E. e Universidades Internacionais Europeas

O Programa Sócrates-Erasmus é un programa de acción dentro da Unión Europea para a cooperación no ámbito da educación. Este programa financia oito accións e a segunda delas denomínase ERASMUS, dedicada ao ensino superior.

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais (EUEE) da Universidade de Vigo planifica e xestiona a mobilidade internacional de estudantes no marco do actual Programa Sócrates-Erasmus desde o curso 1989/1990, cando se recibiu o primeiro estudante de intercambio. Ata o curso 1993/1994 asináronse convenios con tres programas interuniversitarios de cooperación que unían 16 institucións de educación superior de Francia, Reino Unido, Alemaña, Grecia, Finlandia, Irlanda, Portugal, Países Baixos e España no ámbito dos estudos empresariais. Durante os primeiros anos de existencia da Universidade de Vigo, este centro xestionaba a mobilidade de todo o estudantado propio do Campus de Vigo no ámbito empresarial e económico, ao ser o primeiro centro con estes estudos en incorporarse ao programa Erasmus. No ano 1995 créase unha subdirección de Relacións Internacionais responsable dos convenios e a relación cos centros asociados, a información e a selección dos e das estudantes saíntes, así como dos aspectos académicos dos intercambios, tanto para o alumnado propio coma o alleo. No curso 1999/2000 apróbase na xunta de centro o recoñecemento integral dos estudos realizados polo alumnado propio no marco de Erasmus a través da valoración de créditos ECTS e a sinatura dos contratos académicos (Learning Agreement).

A continuación, resúmense os destinos dispoñibles na actualidade.

Intercambios entre a EUEE e universidades internacionais non europeas

A través da Oficina de Relacións Internacionais (O.R.I.) da Universidade de Vigo promóvese e tramítase a sinatura de convenios marco e específicos con universidades doutros países, como instrumento para facilitar a mobilidade, tanto de estudantes coma de docentes, con outros países non europeos. No caso dos Estados Unidos, a O.R.I. participa activamente no programa ISEP de intercambio de estudantes. Se nos referimos ás relacións e mobilidade con Iberoamérica, Marrocos, Tunes etc., foméntase a participación nas convocatorias anuais do Ministerio de Asuntos Exteriores e en concreto as accións Programa de cooperación interuniversitaria e bolsas MAEC-AECI. A Escola Universitaria de Estudos Empresariais (EUEE) da Universidade de Vigo participou en intercambios con centros de Brasil, México e Cuba, tanto de alumnado e profesorado propio coma estranxeiro.

Calquera estudante poderá beneficiarse dentro deste tipo de mobilidade con países non europeos do programa de bolsas de intercambio propias da Universidade de Vigo (agás o alumnado ISEP), así como da convocatoria de axudas complementarias da Xunta de Galicia para estudantes que participan en mobilidade non europea e na convocatoria anual de bolsas internacionais da Universidade de Vigo e Bancaja.

Pola súa banda, o estudantado estranxeiro poderá participar, entre outros, nos seguintes programas:

  • Programa de bolsas destinado a galegos/as de orixe galega e a descendentes para realizar estudos universitarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
  • Bolsas MAEC-AECI que constitúen a oferta de formación a nivel de posgrao do Ministerio de Asuntos Exteriores para estudantado estranxeiro.
  • Bolsas Alban da Unión Europea e América latina destinadas a formación especializada superior para profesionais e futuros cadros directivos latinoamericanos en centros da Unión Europea.

Para unha información máis detallada sobre calquera destas bolsas, consúltese a información dispoñible na Páxina Web da Oficina de Relacións Internacionais (O.R.I.) da Universidade de Vigo.

Intercambios entre a E.U.E.E. e Universidades Nacionais

A mobilidade de estudantes no ámbito nacional lévase a cabo mediante a negociación e a sinatura de convenios de colaboración directa con outras universidades. As xestións realizaranse a través da vicerreitoría correspondente que fomentará a cooperación cos centros vinculados á formación. No caso da Escola Universitaria de Estudos Empresariais (E.U.E.E.) da Universidade de Vigo, temos convenios de cooperación coas seguintes universidades para realizar intercambios de estudantes no marco do Programa S.I.C.U.E., que garante o recoñecemento académico dos créditos cursados polo estudantado:

  • Universidad Complutense de Madrid
  • Universidad de Valladolid
  • Universidad de Oviedo
  • Universitat de Gerona
  • Universidad de Málaga

Unidades de Apoio e Sistemas de Información para enviar e acoller Estudantes de Intercambio

A Universidade de Vigo, a través da súa Oficina de Relacións Internacionais (O.R.I.), apoia tanto a estudantes coma a docentes propios e estranxeiros, antes da súa chegada e durante a estancia. Con respecto ao alumnado estranxeiro, xestiona a aceptación de estudantes; remítelles as cartas de aceptación para que, se procede, poidan tramitar os seus visados; elabora anualmente unha Guía do/a Estudante Estranxeiro trilingüe e envíalles ao domicilio das persoas interesadas paquetes informativos sobre a Universidade de Vigo, con información sobre os diferentes campus e cidades, recepción, visados, viaxe, procura de aloxamento, matrícula e posibilidades de estudos, etc.

A Oficina de Relacións Internacionais (O.R.I.) da Universidade de Vigo é o punto de referencia de chegada do estudantado estranxeiro de intercambio á Universidade de Vigo. Este servizo ocúpase de asesoralo e de proporcionarlle aloxamento e de organizar actividades e visitas culturais específicas para el. Conta ademais cun programa propio de voluntariado e acollida de estudantes de intercambio coordinado pola ORI e formado por alumnado voluntario da Universidade de Vigo para axudar o estudantado estranxeiro que chega por primeira vez á Universidade de Vigo.

Para fomentar a integración do estudantado estranxeiro de intercambio e que poida mellorar o seu coñecemento do idioma, a Oficina de Relacións Internacionais (O.R.I.) da Universidade de Vigo puxo en marcha unha acción denominada tándem de conversación.

En resumo, a Oficina de Relacións internacionais (O.R.I.) da Universidade de Vigo:

  • Centraliza, coordina e xestiona as actividades de cooperación internacional no seo da Universidade de Vigo.
  • Informa e asesora a comunidade universitaria sobre os diferentes programas internacionais no ámbito da educación superior.
  • Fomenta e xestiona a mobilidade internacional de estudantes e docentes.
  • Elabora e negocia acordos de cooperación internacional con outras institucións de educación superior.
  • Propicia a mobilización da comunidade académica para que participe na cooperación internacional.
  • Asegura a presenza da Universidade de Vigo en foros e encontros de educación internacionais.
  • Participa activamente nas principais redes internacionais de universidades como o Grupo Compostela de Universidades, onde coordina o programa Stella de intercambio do persoal de administración e servizos ou a E.A.I.E. (European Association for International Education).

 

Finalmente, achegamos un cadro-resumo que sintetiza os principais programas de intercambio, as datas aproximadas da convocatoria e os vínculos nos que atopar información.

Programa de Mobilidade Destino Data aproximada da publicación de convocatorias Onde atopar información
Erasmus Unión Europea Primeira quincena de Febreiro Programa Erasmus / Universidade de Vigo
Bolsas Propias Internacional Primeira Quincena de Febreiro Bolsas de Intercambio da Universidade de Vigo
S.I.C.U.E. España Segunda Quincena de Febreiro Ministerio de Educación